2/4/09

Blogs literarios e remediación

Blogomillo vén sendo a catosfera como Galiza é a Cataluña. Máis ou menos, porque con certeza existen especificidades das blogosferas galega e catalá que resultan irredutíbeis entre si. Publicouse hai case un ano o libro que aparece aquí á dereita, La catosfera literària 08, unha escolma de anotacións vinculadas nalgún sentido á noción cultural de literatura, que a día de hoxe segue a ser unha noción inevitabelmente cruzada pola categorización xenolóxica, como ben deixa ver (oír) este vello podcast de Catalunya Ràdio correspondente ao programa L'Internauta. Quero dicir, que seguimos sendo incapaces de pensar a literatura sen facer pasar o concepto polos xéneros ou as agrupacións de xéneros consolidadas pola tradición (os célebres arquixéneros). Nese sentido, era esperábel a pregunta qué é un blog literario?, e igualmente era previsíbel que a resposta pasase polos arquixéneros consolidados. Un blog literario sería, segundo o anterior, un blog asemellado ás formas narrativas, poéticas, ensaísticas... literarias. Indicarei que non me convence (aínda me convencería menos pensar a noción en perspectiva "calidade", "estilo literario" ou similares). E engadirei que non estou nada seguro de que o que con Paul Levinson chamariamos remediación blog-libro (ou blog literario - libro literario: blook, en definitiva) teña excesivo interese. Na tertulia de Catalunya Ràdio marcada arriba saen argumentos importantes contrarios ao que nalgún sentido postulo. Un deles, quizais o de maior ensulla, consiste en apelar ao feito de que moitos lectores de libros son por completo alleos á lectura de blogs (ou blocs, que os cataláns andan a voltas coa escolla). O primeiro que se me ocorre é que nese avance existe en realidade un pulo retro, unha especie de re(tro)mediación. En termos conceptuais, non tería nada que obxectar. O mesmo que nada teño en contra de que a partir dun filme se escriba unha novela, invertindo o proceso transdutivo máis frecuente. Tampouco quero suxerir con isto que o paso cinema-novela ou o paso blog-novela, por exemplo, sexan en si mesmos conservadores ou limitativos en sentido semiótico ou en xeral comunicativo (simplemente pola minoración de códigos e linguaxes en xogo). Non é iso. Máis ben, o que ocorre é que un blog vén caracterizado por unha nota moi específica: a interacción, o axuste, o dialoxismo que introduce a presenza virtual e efectiva de quen le e coa voz de seu responde, concorre, matiza, insulta, gaba, acompaña, bloquea, motiva, rebenta, sabotea, complementa, suscita, ri, canta, cala, venga, flanea, entende, acorda, agarda, sotela, arrouta, deserta, confesa, lembra, sobreestima, asea, irriga, figura, busca, agravia, lisca, tupe, fica, nace, medra, copula e palma... Así... como pasa un arrouto do blog ao libro? Como se remedia? Como pasa, permítaseme a vaidade, o hiperWitz ou Witz linqueiro (algo p.e. do estilo da ligazón anterior) ao libro? Como pasa un chucho verbalizado (muaaac) do blog ao libro? O blog é a comunidade que nel mora, o circuíto de razóns, sentimentos e linguaxes-mundos que son órbita súa, coido. A remediación é admisíbel, claro. Pero nela só vai algo. Como en todas.

Article al blog Lándola sobre el llibre La catosfera literària 08. Primera antologia de blogs en català.

1 comentari:

Anònim ha dit...

Res en contra de l'article, però no estic d'acord amb un parell de punts a alguns extenct. Sóc probablement una minoria, però, lol. Gràcies per compartir.